Saturday 06 de July de 2024

O Museo do Humor de Fene súmase á “Onda universal pola liberdade”


“Liberdade con humor, sempre!” é título da mostra que o Museo do Humor de Fene abrirá ao público nos vindeiros días nunha das salas da súa exposición permanente (2º andar da Casa da Cultura). A mostra inclúe unha ducia de debuxos de humor de autores de distintos países, nos que se evocan os valores da liberdade de expresión e de prensa, en lembranza dos debuxantes mortos en París a comezos do pasado ano. Boa parte dos deseños proveñen de distintas edicións do prestixioso concurso PortoCartoon.
Hai preto dun ano, o 7 de xaneiro de 2015, o mundo quedou abatido coa noticia da masacre do semanario Charlie Hebdo. Foi un duro atentado contra os valores da liberdade de expresión, sentimento que acadou eco mundial coa frase “Je suis Charlie. Para o principal impulsor desta campaña, o director do Museo da Imprensa de O Porto, Luís Humberto Marcos, “un ano despois, a evocación daquel día sanguento debe servir para erguer máis alta a bandeira da Liberdade coma un valor indispensable para a vida, xa que sen ela murchamos”.
Daí a proposta de crear unha “onda universal” pola Liberdade, que se traduce nunha serie de mostras simultáneas en distintos centros expositivos coma o Museo da Imprensa de O Porto, a Casa da Imprensa de Lisboa ou o Museo do Humor de Fene.
Á par desta iniciativa, o Museo da Imprensa de O Porto puxo en marcha a Galería Wolinski no seu Museo Virtual do Cartoon (http://www.cartoonvirtualmuseum.org/). A galería inclúe unha biografía do debuxante Georges Wolinski (morto na masacre do Charlie Hebdo) que durante máis dunha década presidiu o xurado do PortoCartoon. Tamén inclúe fotografías, debuxos do autor, crónicas sobre o festival, portadas do Charlie Hebdó realizadas por Wolinski e unha bibliografía completa.